Tuesday 24 de September de 2024

Manuel Gago Pérez rememora no seu último libro a historia da pasaxe na ría da Arousa


O papel das embarcacións no movemento socioeconómico entre as dúas bandas da ría da Arousa entre finais do século XIX ata mediados do XX centra o último libro de Manuel Gago Pérez, titulado Galeóns, vapores e motoras, que se presentou na tarde deste 9 de setembro no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, xunto co historiador César Alonso.

No acto tamén participou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen puxo en valor o labor de investigación efectuado por Gago Pérez para achegar ao público parte da historia dos municipios da contorna e outro cariz do vínculo co mar nunha época de fortes conexións entre ámbalas marxes arousás, principalmente, por cuestións comerciais e laborais; unha relación que permanece resgardada nas lembranzas de moita veciñanza e que as xeracións máis novas poden sospeitar pola transmisión oral e fondos documentais e fotográficos.

Con respecto a isto, a edil indicou que unha das primeiras liñas en poñerse en marcha foi A Pobra do Caramiñal – Vilagarcía da Arousa, que posteriormente se replicou no litoral circundante, contribuíndo ao crecemento das dúas beiras da ría.